Ao peche do exercicio 2011, edicións Xerais de Galicia acada os 10.103.409 exemplares vendidos dende a súa fundación en 1979.
Das 125 novidades publicadas por Xerais nas distintas coleccións destacaron, entre outras, a novela de Agustín Fernández Paz Non hai noite tan longa, con máis de 3.500 exemplares vendidos e a edición dos contos reunidos de Manuel Rivas no volume O máis estraño, con case 4.000 exemplares. É de salientar o interese que espertou entre os lectores a figura de Lois Pereiro (Letras Galegas 2011). A súa Poesía completa foi un dos libros máis vendidos das novidades publicadas por Xerais.
Xerais conta cun fondo editorial con algúns dos autores máis imporantes das letras galegas contemporáneas, convertidos xa en clásicos que obrigan á editorial viguesa a sacar case de xeito anual novas edicións, como é caso de novelas xa clásicas como O lapis do carpinteiro de Manuel Rivas, Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz ou Cando petan na porta pola noite, de Xabier P. Docampo; ou no caso das máis recentes como O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro; Asasinato no Consello Nacional de Diego Ameixeiras, ou Dragal, de Elena Gallego, aínda que o libro estrela da editorial segue a ser o Pequeno Dicionario Xerais, con máis de 350.500 exemplares vendidos.