Atención! Este sitio emprega cookies e tecnoloxías similares.

Máis información

Acepto

En cumprimento do artigo 22.2 da Lei de Servizos da Sociedade da Información e conforme ao disposto no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de dicembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal e demais normativa ou recomendacións que resulten de aplicación (tales como a Guía de Cookies da Axencia Española de Protección de Datos-AEPD), DataLib Servizos Documentais, S.L. informa aos usuarios da web de que o acceso a este sitio implica a utilización de cookies.

Unha cookie é un ficheiro que se descarga no seu ordenador ao acceder a determinadas páxinas web. As cookies permiten a unha páxina web, entre outras cousas, almacenar e recuperar información sobre os hábitos de navegación dun usuario ou do seu equipo e, dependendo da información que conteñan e da forma en que utilice o seu equipo, poden utilizarse para recoñecer ao usuario. Tal como recolle a "Guía sobre el uso de las cookies" da AEPD, segundo a finalidade para a que se traten os datos obtidos a través das cookies, podemos distinguir entre:

- Cookies técnicas. Son aquelas que permiten ao usuario a navegación a través dunha páxina web, plataforma ou aplicación e a utilización das diferentes opcións ou servizos que nela existan como, por exemplo, controlar o tráfico e a comunicación de datos, identificar a sesión, acceder a partes de acceso restrinxido, recordar os elementos que integran un pedido, realizar o proceso de compra dun pedido, realizar a solicitude de inscrición ou participación nun evento, utilizar elementos de seguridade durante a navegación, almacenar contidos para a difusión de vídeos ou son ou compartir contidos a través de redes sociais.

- Cookies de personalización. Correspondería a aquelas que permiten ao usuario acceder ao servizo con algunhas características de carácter xeral predefinidas en función dunha serie de criterios no terminal do usuario como por exemplo serian o idioma, o tipo de navegador a través da cal accede ao servizo, a configuración rexional desde onde accede ao servizo, etc.

- Cookies de análise. Son aquelas que permiten ao responsable das mesmas, o seguimento e análise do comportamento dos usuarios dos sitios web aos que están vinculadas. A información recollida mediante este tipo de cookies utilízase na medición da actividade dos sitios web, aplicación ou plataforma e para a elaboración de perfís de navegación dos usuarios de ditos sitios, aplicacións e plataformas, co fin de introducir melloras en función do anlaíse dos datos de uso que fan os usuarios do servizo.

- Cookies publicitarias. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíra nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado en base a criterios como o contido editado ou a frecuencia na que se mostran os anuncios.

- Cookies de publicidade comportamental. Son aquelas que permiten a xestión, da forma máis eficaz posible, dos espazos publicitarios que, no seu caso, o editor incluíse nunha páxina web, aplicación ou plataforma dende a que presta o servizo solicitado. Estas cookies almacenan información do comportamento dos usuarios obtida a través da observación continuada dos seus hábitos de navegación, o cal permite desenvolver un perfil específico para mostrar publicidade en función do mesmo.

As aplicacións de terceiros nos prestan o servizo de medición e análise da audiencia das páxinas da nosa web, descarga de vídeos e documentos, facilitar e monitorizar a conexión e a publicación de contidos entre a web de Fervenzas Literarias e redes sociais como Facebook, Twitter, Linkedin...

A información que obteñen está relacionada co número de páxinas visitadas, idioma, rede social na que se publican as nosas novas, cidade ou rexión á que está asignada a dirección IP dende a que se accede, o número de novos usuarios, frecuencia, tempo e reincidencia das visitas, navegador e operador ou tipo de terminal dende o que se realiza a visita.

Asimesmo elas mesmas poden utilizar estes datos para mellorar os seus propios servizos e para ofrecer servizos a outras empresas. Pode coñecer eses outros usos dende as ligazóns indicadas.

O control das cookies instaladas no seu equipo debe facerse mediante a configuración das opcións do navegador que use:

En cumprimento do establecido no artigo 5 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Personal (en adiante, LOPD), informámoslle de modo expreso, preciso e inequívoco que a información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador será utilizada coas seguintes finalidades: identificar a sesión e acceder a partes de acceso restrinxido.

Os destinatarios da información que se obteña a través das cookies que se instalen no seu ordenador serán as seguintes entidades: O editor responsable da web e responsable do tratamento: DataLib Servizos Documentais, S.L.

Rafael Dieste. O libre pensamento (Xerais) de Luís Rei Núñez

Rate this item
(2 votes)

Hei de recoñecer que de Rafael Dieste lera unicamente os libros que publicou en galego. Isto é, A fiestra valdeira e Dos arquivos do trasno. Polo demais, descoñecía todo o resto da súa obra e da súa vida agás tres ou catro cousas que practicamente coñecemos todos.

Con esa base de ignorancia sobre o escritor rianxeiro introducinme dunha forma case inxenua en Rafael Dieste. O libre pensamento (Xerais), de Luís Rei Núñez, expectante ante todo o que estaba por atopar. E a verdade é que Rei Núñez consegue transportar ao lector dunha forma amable por todos os avatares vitais polos que tivo que pasar Dieste. A infancia en Rianxo, os primeiros textos, a amizade con Manuel Antonio, as Misións Pedagóxicas, o estoupido da Guerra Civil, os campos de concentración, o exilio e regreso ao final da súa vida... Transitar pola vida de Rafael Dieste é facelo pola historia do século XX de Galicia, do estado español e da emigración e do exilio.

É de destacar neste libro o que se conta e como se conta. Luís Rei Núñez, quen xa publicara con anterioridade traballos bibliográficos sobre Dieste ata en dúas ocasións, achégase a súa figura como o gran escritor de longa traxectoria que é. Os datos están aí, no libro, ao igual que os acontecementos, pero o que Rei Núñez consegue é que entremos na historia e camiñemos ao seu carón sen practicamente paradas que nos interrompa o tránsito, o acto de lectura.

Estamos, pois, ante unha biografía do escritor Rafael Dieste que nos permitirá achegarnos a súa obra e á súa vida, a vida dun home libre, de libre pensamento. Unha gran homenaxe a un dos grandes escritores do século pasado.

 

Rafael Dieste. O libre pensamento é a terceira achega que fai vostede sobre a figura de Rafael Dieste, tras os seus libros dos anos 1987 e 1995. Que atopará de novo o lector que non houbera nos dous libros anteriores?

Á luz de moitos documentos que foron emerxendo nestes trinta anos, atopará un retrato de Rafael Dieste moito máis completo.

Máis de trinta anos arredor de Dieste. Esta xa é a súa obra definitiva sobre el?

Iso dirao o tempo, e o que nos poidan ir desvelando os seus arquivos, pero a versión definitiva do retrato non debería diferir demasiado da que agora presento eu.

Novelou en dous libros a Urbano Lugrís e a Castelao. Lendo Rafael Dieste. O libre pensamento vemos que a súa vida tamén daba para unha boa novela.

Daba. Pero, por fidelidade ao impulso que me moveu en 1987, preferín someterme á disciplina de respectar os feitos reais.

O lector transitará doadamente a través das páxinas deste Rafael Dieste. O libre pensamento. A ausencia de notas a pé de páxina, o apoio do que se conta a través das datas é algo mínimo... Parece un libro máis de narrador que de ensaísta.

É unha elección deliberada. Rafael Dieste. O libre pensamento non é o traballo de alguén que aspira a facer méritos nunha carreira académica. É a achega dun escritor a outro escritor. Nese sentido quixen que este fose un libro narrativo, contando as cousas co propósito de evitarlles tropezóns aos lectores. De aí que non o cargase con citas a pé de páxina ou cunha listaxe bibliográfica ao final. Cando algún dato tiña relevancia para ser resaltado incorporeino ao propio discurso. En Rafael Dieste. O libre pensamento cítase moito, xaora, mais dentro do fío discursivo do autor.

Repasando a obra de Rafael Dieste vemos nel un autor total: narrador, poeta, dramaturgo, xornalista, ensaísta, incluso guionista ... Baixo que etiqueta podería sentirse Dieste máis representado?

Abofé que coa do subtítulo do libro: a de home libre. O pensamento libre que define a un home libre. Dieste é, ata certo punto, renacentista, no sentido de que ten a necesidade imperiosa de pescudar en moitos territorios da alma humana e do coñecemento, a través da escrita, sexa esta creativa ou reflexiva, mais tamén a través doutras disciplinas, e aí están as súas incursións na xeometría. E ademais, en tempos de tirios e troianos, transitou polo equilibrio.

Rafael Dieste será veciño de Castelao no seu Rianxo natal, pero por xeración, con quen compartirá os primeiros textos literarios e as primeiras inquedanzas sociais e políticas será con outro rianxeiro ilustre, Manuel Antonio. Moi interesante resulta o intercambio de misivas que amosa vostede en Rafael Dieste. O libre pensamento.

Manuel Antonio era militantemente vangardista. E érao en tempo real, é dicir, no tempo das vangardas. Pola súa banda, Dieste situábase noutro terreo, bebendo tanto da cultura clásica coma da do seu tempo, e prestándolle unha atención especial á tradición popular. Dieste transitará por todo ese acervo dun xeito moi equilibrado. Pola súa banda,  Manuel Antonio decántase claramente pola vangarda... Velaí está o manifesto Máis alá, onde amosa  unha aposta estética diverxente da de Dieste. Das súas diferencias de criterio queda constancia na correspondencia entrambos. No caso de Dieste exteriorizarase dun xeito máis respectuoso e no de Manuel Antonio... digamos que non tanto.

Entre 1926 e comezos do ano seguinte publicará dúas obras que pasarán por ser as únicas escritas en galego: Dos arquivos do trasno A fiestra valdeira. Nestas obras Dieste fai un uso da tradición oral, da cultura popular de Galicia, pero tamén é un exemplo do modernismo que empezaba a abrirse paso nas letras galegas. Un modernismo que mira a Europa.

Dieste será en certa maneira un dos fundadores do teatro galego. Mais un teatro que, por ser de aquí, é tamén do mundo. Así, A fiestra valdeira, é unha historia moi rianxeira, e dende o mesmo momento da súa publicación son moitos os paisanos que senten a necesidade de representala para si mesmos, case como un autoagasallo que se fan; por certo, logo de ensaiar no baixo da casa do propio Dieste. Só que, asemade, a obra diesteana está emparentada cos teatros doutras latitudes, poñamos por caso, Yeats ou Synge en Irlanda.

Nun momento de Rafael Dieste. O libre pensamento escribe vostede que “unha figura como a de Ramón [Gómez de la Serna] non a atopa Dieste nas letras galegas, nas que el comeza a sentirse limitado, ou quizais incompleto”. Vaise sentir máis cómodo mirando cara Madrid que cara Galicia?

Logo de estudar en Galicia, e de ter os seus primeiros traballos aquí, marcha a Madrid. Coido que iso evidencia o que dis. E dende que se traslada ao Madrid onde vive a chegada da República o seu idioma de expresión habitual será o castelán. Nel publicará o seu único libro de poemas, os seus primeiros ensaios... Logo, tras a vitoria dos sublevados na Guerra Civil, o exilio afástao aínda máis.

A implicación social e cultural de Dieste co seu tempo. En Galicia formará parte dun recente fundado Seminario de Estudos Galegos e posteriormente en Madrid nas Misións Pedagóxicas, alén de todo o seu posicionamento na actividade cultural no transcurso da Guerra Civil.

É evidente que Dieste non é un autor pasivo ante os reclamos do mundo, senón que gusta de exercer un papel nos debates do seu tempo. Literariamente tampouco será un escritor agochado na súa torre de marfil. É un escritor que necesita e sae ao contacto directo cos demais. Bo exemplo diso é a súa incorporación as Misións Pedagóxicas, unha experiencia que resulta definitiva.

No retroceso republicano na Guerra Civil Rafael Dieste ten enerxía abonda para levar adiante dúas publicacións: La Hora de España e Nova Galiza.

O papel que desenvolverá Dieste nesas dúas publicacións será moi diferente. Mentres Nova Galiza está xa en marcha cando se incorpora a ela, e é unha publicación máis de circunstancias, o ambicioso programa de Hora de España débelle case todo ao seu empeño. E debe terse en conta que é unha revista onde cada mes publican, canda Dieste, figuras da relevancia de Antonio Machado, Luis Cernuda, Rafael Alberti...

A súa produción literaria non se estanca en ningún momento. Se antes da Guerra Civil deu ao prelo obras como Rojo farol amante, tras asentarse en Bos Aires durante o exilio publicará entre outros libros a que será a súa grande obra,Historias e invenciones de Félix Muriel, na editorial Nova que viña de fundar xunto a Arturo Cuadrado.

Para a miña idea, e a de moitos, Historias e invenciones de Félix Muriel é a grande obra de Rafael Dieste. A obra que mellor o reflicte, non só polas pegadas biográficas que poden rastrearse aquí e alá, senón porque ese libro completa unha sorte de autorretrato espiritual... Non sei se para Dieste tamén era a súa grande obra, supoño que si, pero do que non hai dúbida é de que Historias e invenciones de Félix Muriel é a obra que lle dará máis lectores, situándoo nun lugar destacadísimo no panorama das letras peninsulares. Só nos queda lamentar, como lectores, que non se animase a repetir nun xénero que se lle daba tan ben.

Dieste era consciente de que escribindo narrativa ía ter máis recoñecemento como escritor e incluso gañarse mellor a vida que publicando outras cousas, como por exemplo ensaio ou os seus estudos xeométricos?

Iso é evidente, e con gran pesar da súa dona, Carmen Muñoz, que preferiría que teimase nese camiño literario, pero non o fixo. E non o fixo por temperamento, por carácter. Necesitaba escribir sobre aquilo que lle roldaba na cabeza. E entre a conveniencia de ofrecerlle ao publico lector obras de chegada máis doada ou poñerse ás ordes do seu propio instinto, optou pola fidelidade a si mesmo. Sinxelamente.

Como era Dieste escribindo? Saca a relucir en Rafael Dieste. O libre pensamento múltiples anécdotas de como deixaba as cousas para o último momento, como os relatos do Félix Muriel que contaba aos seus amigos do Tortoni en Bos Aires, escritos as máis das veces a noite anterior.

Cos primeiros relatos realmente debeu de ser así. Pero logo decatouse do calado do que tiña entre mans e de que non o podía resolver a noite anterior ou dúas noites antes. E os relatos van gañando extensión e, digamos, profundidade. Ademais, crúzase a pausa do verán  austral. Son datas nas que Dieste non vai estar en Bos Aires, e por tanto non vai ver aos amigos no Tortoni. Pero seguirá coa disciplina de escribir os relatos do libro... A pesar da súa aparente “lacazanería”, eu creo que era moi traballador. Non metódico, se cadra, pero si traballador. A proba é que a súa obra escrita abrangue uns cantos tomos e varios milleiros de páxinas. E xunto a esa dimensión escrita, alimentaba co “traballo”, e o pracer, de ler unha dimensión non menos importante, como era a de orador. Mesmo de profesor. Rafael Dieste escribía excelentemente pero tamén falaba excelentemente. Eu coñecino ao final da súa vida e puiden gozar e tirar proveito diso. E cónstame que fomos moitos.

Seguindo con Historias e invenciones de Félix Muriel, será a súa reedición no ano 1974 en Alianza cando Dieste terá verdadeiro recoñecemento.

En Galicia reeditara en Galaxia uns anos antes Dos arquivos do trasno moi ampliado, pero, a aquela altura, para o público español era un descoñecido. Mais ao reaparecer con ese libro, coa importancia que ten e co acerto literario que hai detrás, de súpeto deixa pampa a moita xente... Insisto, con gran pesar da súa compañeira, e o noso como lectores, é unha mágoa que non aproveitara ese “tirón”, no ano 74, para acompañalo dalgunha outra obra. Pero daquela xa estaba totalmente absorbido polas esculcas xeométricas, e a morte sorpréndeo en 1981. No caso de vivir outros dez ou quince anos, escribiría algo máis de narrativa que acompañara o Félix Muriel? Sempre quedará a dúbida, pero a realidade é que non foi así.

 “Sen Carmen Muñoz pode que Rafael Dieste naufragase” dirá Isaac Díaz Pardo. Abofé que a figura de Dieste sería de difícil entendemento sen a súa compañeira de vida.

Eles coñécense no ano 1934, e xa só se separarán dúas breves temporadas, tras a derrota da República, cando el é ingresado nun campo de concentración e ela se recupera nun hospital, e cando Carmen viaxa a España para ver á familia e el decide non acompañala. Son unha parella totalmente compenetrada. Algunha xente podía chegar a pensar que o que fai Carmen é entregarse ao seu home ao xeito en que daquela o facían moitas mulleres, simplemente subalternas, funcionando como o seu contacto coa realidade máis cotiá... No seu caso non aconteceu así, porque Carmen Muñoz non era a “compañeira de”. Carmen era unha muller moi formada, cunha carreira, e moita valía por si mesma. Sen dúbida, Dieste superábaa desde un punto de vista literario, pero intelectualmente andaban á par. Agora, iso si, no de ter os pés na terra, Carmen si que o superaba claramente. Eran complementarios e para Dieste foi moi importante a figura desa compañeira.

Tras un vagabundear polas dúas beiras do Atlántico, a cidade de Bos Aires converterase para Rafael e Carmen nunha áncora no naufragar do exilio.

Eu creo que cando Carmen e Rafael viven en Bos Aires non están todo o día chorando polo perdido e laiándose de non poder regresar a Galicia. Teñen unha actitude máis práctica ante esoutra realidade, en parte porque senten que vai ser algo provisional. Franco gañara a guerra, era certísimo. Pero normalmente unha guerra civil remata na paz e nunha reconciliación traumática, si, pero temporal. No caso de Franco, os gañadores exerceron a vitoria sobre os derrotados todo o tempo que puideron, e máis. Víaselle a intención, pero os exiliados agardaban que a derrota do nazismo e do fascismo na Segunda Guerra Mundial contaxiara a España, acabando coa ditadura. Só que o conto non rematou así, como sabemos. Daquela, afanse a unha Bos Aires que era unha das grandes cidades do mundo, cunha rica vida cultural. Carmen e Rafael están a gusto, teñen un traballo que lles prace, co que lle facer fronte á vida diaria. E por riba están entre grandes amigos. Nese sentido, sobre todo os primeiros anos, viviron realmente a gusto... Co paso do tempo, vai chegando a fin das persoas, dos familiares que deixaron aquí, no caso de Dieste a nai, de Carmen os irmáns, e empezan a sentir a necesidade de regresar. Os dous. Carmen dunha maneira máis acusada e Dieste máis pacientemente, pero chegan á conclusión de que queren volver. Ven que, de quedaren en Bos Aires, moitos dos vínculos que teñen con Galicia e con España van rachar definitivamente. Sucedía ante os seus ollos con miles e miles de galegos que xa nunca volvían. Carmen e Rafael non quererán iso para eles.

Rafael, nos quedamos o volvemos?

Carmen e Rafael regresan a Galicia no ano 1961 e toman contacto cos “intelectuais galaxios”. Dieste coméntalle a Francisco del Riego da súa intención de retomar a escrita en galego.

O diálogo do regreso contoumo Carmen tal e como o transcribo na biografía. Moi novelesco todo porque cando Carmen lle pregunta, Rafael está tocando, e segue tocando o piano. Pero a decisión tíñana tomada. E volveron. E Dieste, coma todos os  escritores, ambiciona facer unha serie de obras que despois non emprende na súa totalidade. Un creador ten roldando na cabeza tres ou catro ou máis historias, pero finalmente é só unha á que lle dedica o seu tempo. O resto adíase, e pode volver a elas despois, e algunhas fican no camiño. Crendo sincera a intención de Dieste de engadir novos títulos en galego, a realidade é que ao final non o fixo.

Non escribirá máis en galego pero si publicará novos ensaios, especialmente os centrados no mundo matemático e xeométrico.

E iso impediulle ser máis popular como autor. Entregarse a tantas curiosidades e xéneros non beneficiou a súa sona pública. Ten en conta que Dieste escribiu narrativa, poesía, teatro, ensaio... Esa dispersión, creo, non gusta, porque dificulta a clasificación. Mira o que lle aconteceu coas súas pescudas xeométricas. O seu público lector, maioritariamente composto por xente que le literatura, non o podía seguir por ese carreiro. E os especialistas na materia vían nel a figura dun intruso. Nese sentido Dieste estaba en terra de ninguén. Ponte no caso. Ti vas pasar unha boa parte da túa vida pensando, reflexionando e escribindo sobre asuntos nos que sabes positivamente  que non vas atopar lectores máis alá do teu círculo máis próximo... Fóra dese pequeno círculo, ninguén. E a pesar diso, aí estás.

Non terá moitos seareiros no seu traballo matemático e parece ser que tampouco no teatral. Nun momento de Rafael Dieste. O libre pensamento escribe que  “as compañías de teatro que entón proliferan parece que non lles chista moito, e seguen sen interese por levar a obra á escena”.

Hai que partir da base de que Galicia non conta cunha cidade populosa que permita ter unha programación teatral estable. Aquí o teatro vive de pequenas temporadas. Fago esa afirmación a conto de que en 1980 sae unha nova edición de A fiestra valdeira en Ediciós do Castro. Naqueles anos, as compañías máis que un elenco de ocasión eran colectivos estables e, maiormente, ao servizo do cambio político no país, tanto en Galicia como en España, polo que tendían máis a un tipo de obra claramente de intervención e de axitación social e política, cando non panfletarias, o que tería o seu equivalente nunha parte da poesía social. Unha obra como A fiestra valdeira resultaba estraña nese hábitat. Logo apareceron unha serie de compañías máis esteticistas, como Troula, que facía uns espectáculos onde a necesidade de engaiolar  ao público lles facía tirar por outro tipo de teatro. Isto levaba a que nin uns nin outros conectaran teatralmente coa proposta de Dieste. Cando no ano 1995 se lle dedica o Día das Letras Galegas, o Centro Dramático Galego si representa A fiestra valdeira. Pero dende aquela creo que nunca máis.

Nos derradeiros anos é cando vostede o coñece persoalmente. Como era Dieste na proximidade?

Era unha persoa moi afable, que gustaba de ter interlocutores. Non quería soltar “chapas” senón que prefería falar, ter unha conversa. Era un home que sabía moito e que sabía compartir o que sabía... Eu, en cambio, era moi novo. Gustábame aprender e gustábame que compartisen comigo os seus coñecementos os que sabían o que eu nunca ía chegar a saber. Lembro que moitas conversas derivaban cara o étimo da palabra. Se falaba do absurdo, partía da etimoloxía de absurdo. Ademais, saían a relucir as grandes figuras do pensamento e da cultura universal dende Grecia. Tiña unha visión panorámica que o convertía nunha persoa sumamente atractiva para calquera interlocutor. E tamén era moi interesante un relato polo que desfilaban xente moi sobranceira. Eu, que son admirador de Luís Cernuda, tiña diante miña a alguén que o coñeceu e tratou. Rafael fora moi amigo de Manuel Antonio, de Luís Seoane, de María Zambrano... Era sumamente enriquecedor. Nese sentido eu só podo dicir cousas boas del. En parte por iso, e tras o seu falecemento, eu tiña a necesidade de saldar unha especie de débeda, cunha achega biográfica que sae do prelo en 1987.

E coa súa dona Carmen? No ultílogo de Rafael Dieste. O libre pensamento fala das conversas que tivo con ela para a escrita desa primeira biografía de Dieste.

A Dieste trateino os seus tres derradeiros anos. Cando o visitaba, Carmen aparecía ao principio e, moi hospitalariamente, servía algo e marchaba ás súas cousas. De seguido era Dieste quen tomaba a palabra. Con Carmen a relación foi máis estreita unha vez que Rafael faleceu. Daquela falamos moito, tal e como detallo no libro, e o seu apoio é fundamental para a escrita da primeira biografía que publico de Dieste.

E agradécese o resultado...

Non hai moitas biografías en Galicia e creo que as biografías contribúen dun xeito definitivo a facer confortable unha literatura. Nese sentido eu quixen achegar o meu gran de area. A biografía como xénero ten moito interese, xa que permite percorrer períodos históricos a través da repercusión que os acontecementos teñen nas vidas individuais de cadaquén... Sendo sincero, quedei moi satisfeito deste libro, en 2019. Aínda que no ano 1987 apareceu a miña primeira biografía de Dieste, creo que agora ofrézolle ao lector moito máis. Hai moitos máis datos incorporados, hai outra vontade de estilo, e hai, sobre todo, a urxencia de volver os ollos a unha figura de tanto encanto...

 

Santiago de Compostela, Outubro 2019

Buscar en De actualidade >

Axenda >

Lun Mar Mer Xov Ven Sab Dom
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31

Nestes días >

No upcoming event!

Exposicións >

No upcoming event!