Volve o Ciclo de Recitais Poéticos Poetas Di(n)versos, que organiza a concellería de cultura da Coruña. Hoxe contarase coa presenza de dúas das mentes máis brillantes da nova poesía galega e española respectivamente: María do Cebreiro e Carlos Pardo. Versos repletos de pensamento, agudeza e unha rica bagaxe cultural, pero sempre manexados con desenfado e mesmo ironía. Nacidos na segunda metade dos setenta, a compostelá e o madrileño son cabezas visibles dunha xeración que comeza a inscribirse na historia da literatura, apoiados por premios como o Caixanova e o Esquío ela, o Hiperión e a Xeración do 27 el. Será ás 20.30 h.
Pero estas citas mensuais que se desenvolven no Auditorio do Ágora co mellor da poesía contemporánea de dentro e fóra de Galicia continuarán de maneira aberta e gratuíta consolidando ese público nutrido demostrado en anteriores edicións. Na procura da máxima calidade literaria e da diversidade a todos os niveis, autores/as estranxeiros/as chegados dende outros idiomas achegaranse á Coruña para unirse sempre a un autor ou autora en galego. Así, os seguintes recitais dobres convocarán a un poeta xa case de culto como é Xabier Cordal xunto coa figura revelación da literatura croata, Marko Pogačar. Será o luns 5 de novembro. En canto ao último encontro poético deste primeiro trimestre, este reunirá o luns 10 de decembro á coruñesa Emma Pedreira coa poeta francófona de Quebec Carole David, dúas voces que revisten de aparente dozura o racho, a rabia e a dor.