A Consellería de Cultura pon en marcha a campaña Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro, unha iniciativa que ten como obxectivo difundir e poñer en valor o legado do escritor entre os veciños e veciñas que residen nalgunha das 28 rúas que en Galicia levan o seu nome.
Coa finalidade de promover a vida e a obra de autor distribuiranse, nas vivendas de 28 localidades de Galicia, un folleto de dezaseis páxinas con información detallada sobre o autor, presentada de maneira diferente: a vida en formato de fotonovela, unha liña biográfica, información sobre os discos que recollen no mercado os seus poemas musicados, un catálogo das súas obras e mesmo unha proposta de pasatempos (labirinto, sopa de letras, encrucillado etc.) sobre algunha desa información.
A Secretaría Xeral de Cultura comeza hoxe a distribución do folleto na provincia de Ourense, que chegará aos concellos de Ourense, O Carballiño, Celanova, Ribadavia e Xinzo de Limia. Nas próximas semanas continuará o reparto polas diferentes localidades das provincias de Pontevedra, A Coruña e Lugo que contan tamén cunha rúa dedicada a Celso Emilio.
Esta campaña intégrase no programa de actuacións desenvolvidas pola Consellería ao longo deste 2012, dentro da programación do Ano Celso Emilio Ferreiro.