Lourenzo Maroño e Elena Sherevera, pola Antoloxía da poesía rusa: de Pushkin a Evtushenko; e Camiño Noia, pola súa tradución O gran Meaulnes, de Alain Fournier, foron os gañadores da XI edición dos premios de tradución Plácido Castro que se entregaron onte sábado en Vilagarcía de Arousa. O xurado, integrado por representantes da Fundación Plácido Castro, a Xunta de Galicia, o IGADI, a Real Academia Galega e a Asociación de Tradutores Galegos, sinalou no seu fallo que na tradución da poesía rusa apréciase unha vontade de estilo moi ben conseguida, con expresións naturais e poéticamente cribles en galego. Trátase de composición trabadas sólidas, que concordan coas presentacións que se fan dos autores. Ademais incorpora voces poéticas diferentes con cadanseu interese, punto de vista e idiosincrasia, sempre cunha lectura fluída e doada.Na tradución de Fournier destácase o excelente manexo da lingua que consegue reproducir á perfección as distintas atmosferas nas que se desenvolve o argumento. Ofrécesenos aquí unha perfecta reconstrución en galego do heroe romántico que se lanza á persecución dos seus soños.
Co Premio de Tradución, a Fundación Plácido Castro busca destaca-la calidade das traducións dos clásicos da literatura universal que a Biblioteca Virtual Bivir publica periodicamente na súa páxina web www.bivir.com nunha iniciativa que pretende a un tempo colaborar no proceso de normalización da lingua do país e contribuír a enriquece-lo universo literario galego mediante a versión dos autores consagrados que escribiron noutras linguas. A Fundación pretende con este premio reivindicar o importante labor dos nosos tradutores e tamén aquela dimensión literaria de Plácido Castro (1902-1967), que se destacara como o máis universalista dos nosos galeguistas.
O IGADI promoveu en 2001 a creación da Fundación Plácido Castro e nela participan os concellos de Cambados, Corcubión, Vilagarcía de Arousa e a Asociación de Tradutores Galegos. A Fundación ten por obxecto a reivindicación da figura, obra e pensamento de Plácido Ramón Castro del Río, atendendo á conservación e divulgación do seu fondo compromiso con Galicia e cunha visión universalista do mundo.