No ano en curso de 2012 cúmprense trinta anos da publicación das Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (NOMIG) elaboradas por unha comisión mixta do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e a Real Academia Galega, e aprobadas en sesión conxunta de ambas as dúas institucións. A aprobación das Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego de 1982 foi un fito na historia do idioma, por representaren a primeira proposta ampla, sistemática e cientificamente xustificada de codificación ortográfica e morfolóxica do galego común. As NOMIG serían oficializadas pouco despois mediante decreto da Xunta de Galicia, tornándose así no primeiro código normativo con carácter oficial do idioma galego, que pola súa vez fora tamén recoñecido como lingua oficial no Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981.
Como cada ano, o Instituto da Lingua Galega (USC) e o Consello da Cultura Galega organizan o Simposio do Instituto da Lingua Galega, este ano centrado na revisión do camiño percorrido, reconsiderar algunhas cuestións, tirar ensinamentos e facer un balance cara ao futuro. O Simposio está diríxido a estudantes universitarios de grao e posgrao, profesores de lingua e literatura galega, profesionais de distintos sectores e público en xeral que desexen ampliar ou actualizar os seus coñecementos na materia. Terá lugar na Facultade de Filoloxía da USC os días 11, 13, 18, 19 e 20 de decembro.