O Concello de Lalín ten preparado para o mes de decembro un programa de actividades para homenaxear o medio século de vida do libro Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas.
Deste xeito, o luns 12 de decembro inaugurarase a exposición "Querido Balbino. 1961-2011. Cincuenta anos de Memorias dun neno labrego". De seguido haberá unha conferencia do secretario xeral da Real Academia Galega, Xosé Luis Axeitos.
Para o día seguinte presentarase o libro Da Galicia de Balbino á Galicia de hoxe; e un día máis tarde a biblioteca municipal do concello acollerá unha exposición da obra de Neira Vilas e haberá unha lectura en voz alta da súa obra.
Para o xoves terá lugar no Teatro do Auditorio unha representación da peza teatral "Memoria das memorias dun neno labrego" (baseada na novela de Xosé Neira Vilas), por Cándido Pazó.
Os actos desta semana de homenaxe e recoñecemento rematará o venres 16 coa inauguración da rúa "Memorias dun Neno Labrego" e descubrimento dunha escultura conmemorativa.