A Universidade da Coruña (UDC) acollerá en setembro do vindeiro ano o Congreso Internacional Emilia Pardo Bazán no seu centenario. Literatura e vida nos séculos XIX, XX e XXI organizado por investigadores das universidades e entidades galegas, coordinado polo profesor da Facultade de Filoloxía da UDC, José María Paz Gago.
O reitor da UDC, Julio Abalde; o secretario Xeral de Cultura do goberno de Galicia, Anxo Lorenzo; o director de Cultura do Concello da Coruña, Rómulo Sanjurjo; e o organizador do congreso, o profesor José María Paz Gago, avanzaron a organización deste importante congreso que ten como obxectivo “non ser un congreso de arqueoloxía literaria, que tamén, senón demostrar a vixencia actual da figura de Emilia Pardo Bazán”, apuntou Paz Gago, á que definiu como “unha muller creativa e curiosísima”.
O próximo ano 2021 cumprirase o primeiro centenario do falecemento da escritora coruñesa Emilia Pardo Bazán, extraordinaria novelista que se adiantou á súa época en feitos, ideas e intereses. Precursora do feminismo e da loita pola igualdade da muller, estaba ao tanto de todas as novidades nos máis diversos campos, desde as correntes literarias en boga en Europa ás tecnoloxías máis avanzadas entón ou á revolución comunicativa que coñecía o xornalismo decimonónico. Doutra banda, Pardo Bazán foi a primeira intelectual que se ocupou de estudar a literatura galega, centrando o seu interese na obra poética de Rosalía de Castro.
Dotada dunha intelixencia singular e dunha cultura enciclopédica, a lupa de Pardo Bazán escudriñou todas as realidades sociais e individuais, humanas ou artísticas, que serán abordadas en profundidade nesta importante reunión científica: a educación, particularmente da muller; o teatro e o cinema; os deportes e o estilo de vida saudable; a moda e as tendencias estéticas; os inventos técnicos, as artes plásticas ou a ópera.
Está previsto que un centenar de especialistas e uns cincocentos asistentes traten a rica e complexa temática pardobazaniana. Entre os conferenciantes que xa confirmaron a súa presenza están Darío Villanueva, José Antonio Pascual, César Antonio Molina, Marisa Sotelo, Germán Gullón, Ermidas Penas Varela ou Adolfo Sotelo.
A organización deste congreso que implica a investigadores das tres universidades do país e da Real Academia Galega, agrupados nos Grupos de Investigación Pardo Bazán (USC), A Tribuna (RAG), DILEC (UDC), HISPANIA (UDC) e LITECOM (UDC), así como do Doutoramento Interuniversitario en Estudos Literarios (UVigo e UDC).