Serxio Iglesias Rodríguez é o gañador do XXV Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, que convoca anualmente o concello de Dodro en memoria do seu ilustre poeta.
O xurado, formado por Inma López Silva, Mª Xesús Nogueria, Bieiro Iglesias e Pura Prado, baixo a coordinación de Xabier Castro, acordaron outorgar por unanimidade o premio ao traballo Viaxe ao interior da fenda. O xurado destaca da obra gañadora a capacidade para reescribir unha temática universal como é a perda, así como o coidado no rexistro poético especialmente na selección léxica e na creación de imaxes.
Estamos ante un dos premios poéticos máis senlleiros e de máis traxectoria do país. Poetas como Gonzalo Navaza, Xavier Rodríguez Barrio, Helena Villar Janeiro, Isidro Novo ou máis recentemente Neves Soutelo, Xosé Daniel Costas ou Luís Valle fan deste premio un referente dentro do panorama poético galego. O gañador do premio, amais da cantidade económica estipulada nas bases do concurso verá publicada a obra, como nos últimos anos, na editorial Sotelo Blanco.
A entrega pública do premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón terá lugar o vindeiro sábado 15 de decembro.