O domingo 22 de abril Espazo Lectura convoca a toda a cidadanía a que acuda a Gondomar, ás 12.00 h. a unha Sentada Lectora que terá lugar na Alameda.
Trátase de coller un libro e sentar no chan da Alameda, enchéndoo de persoas con libros, nunha reivindicación cívica da lectura. Lerase un Manifesto a favor da lectura, actuará o grupo Migallas para o público infantil e despedirémonos coa actuación do coro Cantares do Brión.
Espazo Lectura é unha asociación para o fomento e a animación á lectura en lingua galega. Está ubicada en Gondomar, no Val Miñor, e organiza actividades sen ánimo de lucro relacionadas coa promoción lectora, así como calquera outro tipo iniciativas que teñan que ver coa promoción da lectura e do libro como referente de benestar social e coa consideración do libro como elemento socializador, indispensable para elevar o nivel educativo, a conciencia crítica, a capacidade analítica e, en definitiva, a calidade de vida e o ocio das persoas.
Espazo Lectura mantén ao longo de todo o ano unha programación, tanto estable como conxuntural. O traballo de Espazo Lectura oriéntase basicamente en tres liñas principais: a creación e animación de clubs de lectura, a divulgación e sensibilización, e a formación especializada en fomento da lectura.