Seguindo a tradición das novelas por entregas o escritor galegocatalán Pere Tobaruela ven de iniciar na rede a publicación por achegas da novela Sempre perden os mesmos.
Dende o pasado venres, e todos os venres, os e as súas lectoras poden achegarse ao blog http://sempreperdenosmesmos.blogspot.com.es/ para ler un novo capítulo. Máis de mil persoas accederon en 24 horas para gozar co primeiro entrega.
En Sempre perden os mesmos participan personaxes diversos: un xastre centenario, o director dun xornal de ámbito comarcal, un matrimonio de orixe alxeriano, un corresponsal de guerra, un filósofo de renome internacional e un profesor universitario africano, por citar algúns. Seguindo o fío das palabras destes personaxes, Sara Martí, protagonista da novela, constrúe unha memoria colectiva salpicada sobre todo de recordos amargos: o exterminio nazi, o mal trago dunha violación, a guerra dos Balcáns, o asasinato dun ser querido, as represalias do réxime ditatorial instaurado na Guinea Ecuatorial despois da súa independencia, a historia dun desamor... Recordos, todos eles, contados desde o fracaso, mais cun marcado acento reivindicativo. Sara Martí é, de feito, unha xornalista que se nega a aceptar a realidade tal como é. E con esta mirada particular explícaa a través dos seus artigos de opinión en Cousas nosas.