Na mañá de onte arrancou unha nova edición da Feira do Libro de Santiago de Compostela, xa a número 37, e que se desenvolverá na Alameda de Santiago ata o próximo 6 de maio. Este ano, a Feira leva por lema "Ler sen fronteiras", e na súa programación figuran numerosas actividades para o público infantil. En parte delas terá protagonismo María Victoria Moreno, a autora á que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.
Nesta edición da Feira do Libro participan 10 casetas: Alvarellos Editora, Editorial Galaxia, Libraría Pedreira, Arigató Ribeira, Aenea, Ler Librerías, Urco Editora, Libraría Cortizas, a Deputación da Coruña e a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal.
As máis de 40 actividades que se desenvolverán ao longo dos nove días de Feira permitirá a composteláns e visitantes a posibilidade de conversar cos seus autores e autoras favoritos e de participar nunha chea de actividades culturais que acompañan este encontro anual.
Tamén terá principal incidencia as actividades relacionadas coa autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, María Victoria Moreno. Así, presentarase o libro María Victoria Moreno, sementadora de futuro (Xerais), de Isabel Soto e Xabier Senín; e Ánxela Gracián e Antonio Seijas asinarán exemplares de Doce cartas a María Victoria Moreno (Hércules). Na última xornada da feira, o 6 de maio, haberá unha actuación infantil na que se porá en relación a obra de Rosalía de Castro coa de María Victoria Moreno.
Gran parte das actividades desta 37ª Feira do Libro de Santiago están dirixidas ao público infantil. Haberá propostas de narración oral para bebés, contacontos, obradoiros de personalización de libros, de ilustración ou de escrita creativa. Tamén destacan a presenza de Títeres Cascanueces ou o concerto de Mamá Cabra.