A deputada do BNG Ana Pontón emprazou onte á Secretaria Xeral de Igualdade a que se introduzan os mecanismos necesarios na Lei galega de Igualdade para regular a representación nas Academias e garantir a presenza equilibrada de mulleres nas mesmas, a través dunha política de cuotas que equilibre de forma progresiva esa presenza. Pontón fixo esta proposta durante o debate en Comisión dunha pregunta do BNG sobre a composición actual da Real Academia Galega, pois malia a oportunidade que supuxo a renovación de catro cadeiras para mellorar a porcentaxe de mulleres académicas, a realidade foi que incluso se involucionou e se antes dos 30 membros 5 eran mulleres agora son incluso unha menos.
A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, destacou que as catro mulleres do total de 30 membros da Real Academia Galega representan unha participación do 13,3%, que duplica o 6,2% de media da presenza feminina nas academias estatais. No seu conxunto, a infrarrepresentación feminina é común nas oito academias estatais, entre as que a Real Academia de Farmacia lidera a presenza de mulleres cunha porcentaxe do 17%.. Marta González considerou que a incorporación dun maior número de mulleres a todos os ámbitos da vida política, social, económica e cultural é un proceso imparable, tanto por unha cuestión ideolóxica –a incorporación do principio de igualdade como unha premisa básica do noso sistema democrático- como polo papel cada vez máis importante que as mulleres están a acadar na nosa sociedade, e a súa relevancia desde o punto de vista profesional e científico.
A deputada nacionalista valorou a resposta da secretaria xeral, que informou de que está aberto un proceso de diálogo coa RAG que pronto dará froitos, mais advertiu que as accións a adoptar deben ser máis eficaces e para iso co diálogo e a interlocución non chega, hai que introducir cambios a través da Lei e non depender unicamente da “vontade” da dirección da RAG.
Tanto Marta González como Ana Pontón coincidiron en que a discriminación neste ámbito é extensíbel a outras Academias mais “a existencia xeneralizada de discriminacións –dixo- nunca pode xustificar a situación que se dá na actualidade no caso galego”.