Muxía acolleu o pasado sábado a presentación do libro A narrativa mariña (Xerais), unha obra que recompila catro narracións breves de Gonzalo López Abente e que aparecen, por vez primeira, nun só volume.
A obra está editada por Xesús Sambade dentro da colección Biblioteca das Letras Galegas de Xerais. En 1918 os escritores das Irmandades da Fala, interesados en crearen a narrativa galega moderna, convocaron un premio literario en A Nosa Terra, do que saíu gañadora a obra O diputado por Beiramar de López Abente. O muxián iniciou así unha fecunda carreira narrativa coa publicación de O novo xuez (1922), Buserana (1925) e Fuxidos (1926), obra que representa a madurez expresiva do autor. Ambientadas na costa, o mar xogará un papel fundamental na acción dalgunha delas.
Dende a Fundación López Abente, que iniciou a súa andaina hai tan só un par de anos co obxectivo de promover e difundir o coñecemento da vida e da obra de Gonzalo López Abente, estase a recuperar a obra deste gran poeta do mar. Deste xeito, o pasado ano publicouse en Alvarellos Bretemada, o poemario inédito de López Abente, obra á que agora se engade esta A narrativa mariña.