A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos e en colaboración coa Federación de Libreiros de Galicia vén de acordar a creación do Primeiro Premio Libreiro Cultural Galego. Esta distinción contribuirá ao recoñecemento público daquelas librarías que durante o ano 2011 se caractericen pola realización dunha tarefa continuada de dinamización cultural e da difusión do libro e da lectura, cunha atención especial á promoción e difusión do libro galego, dentro e fóra do espazo físico da librería. Segundo o director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, este Primeiro Premio Libreiro Cultural Galego "trata de premiar a aquela librería de Galicia que se distinguise por fomentar a difusión do libro galego".
Nesta liña de actuación, a Consellería convida a todos os galegos a participar nas actividades de promoción e de difusión do libro galego programadas para conmemorar o Día Internacional do Libro. Estas actividades, tradicionalmente celebradas o 23 de abril, trasládanse este ano ao día de hoxe por mor da coincidencia coa Semana Santa.