O vindeiro venres 1 de xuño o Café Cultural Auriense acollerá Tasca e Literatura 2012. Edición Especial.
Esta cita de referencia cultural no Carballiño sairá do seu escenario habitual para levar ata a cidade de Ourense a un grupo de nove poetas que ofrecerán un recital no que o público asistente estará especialmente convidado a participar, ademais de gozar da boa compaña e das creacións literarias dos escritores presentes.
A cita, organizada pola Agrupación Cultural Avantar do Carballiño e a Vicerreitoría do campus de Ourense coa colaboración da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, celebrarase ás 21.00 h. e o seu obxectivo é achegar a poesía ao público facéndose presente nun lugar no que habitualmente a xente acode a gozar do seu tempo de ocio, como é un bar ou cafetería.
Os poetas participantes nesta sesión de Tasca e Literatura son O Leo, María Lado, Concha Rousia, Vítor Viñal, Guillerme Alén, María Xosé Vázquez, Belén de Andrade, Sonia Moral e Víctor V. Guliás.