As V Xornadas de Literatura de Tradición Oral, baixo o lema Os mouros e as mouras: máxicos enigmáticos da mitoloxía popular, organizadas pola Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega co patrocinio da Área de Cultura da Deputación de Lugo e a colaboración da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, terán lugar o venres 19 e sábado 20 de outubro no Salón de actos da Deputación de Lugo.
Como en edicións anteriores, estarán coordinadas por Antonio Reigosa e Isidro Novo e teñen como obxectivo revisar os avances que as novas investigacións foron achegando sobre este amplo tema.
No transcurso das xornadas abordaranse as seguintes cuestións: Identificar os seres míticos mouras e mouros como expresión simbólica singular da cultura popular galega e doutras culturas populares, identificar o pouso destes seres míticos na toponimia, orografía, nos xacementos de interese arqueolóxico e, en xeral, na memoria cultural colectiva, analizar o vencello da nosa mitoloxía popular coa nosa historia, nomeadamente os relatos de mouras e mouros coas manifestacións culturais das épocas prerromana e romana, compresión do poder da narración oral como sistema básico e imprescindible de comunicación cultural, e capacitar o profesorado para comprender e transmitir os valores da nosa cultura e da nosa mitoloxía popular, así como a súa potencialidade para a educación en valores e a integración do alumnado procedente doutras culturas.
As inscricións son de balde e xa están abertas as inscricións para socios e socias da AELG e da AS-PG ata o día 16 de outubro. Pódense formalizar dende esta web.
Para as persoas que nunca traballaran como docentes en centros públicos ou concertados da Consellería de Educación resérvanse 25 prazas. Para o resto das persoas a entrada é libre, e poderán solicitar antes do día 16 de outubro en Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. a emisión por parte da AELG dun certificado de asistencia.