Os socios e socias da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) escolleron o pasado sábado os gañadores dos premios outorgados polos 408 membros da AELG, quenes escolleron os mellores libros publicados no 2010. Este acto tivo lugar en Santiago de Compostela no transcurso da Cea das Letras.
Alén das diferentes categorías, coñecíamos de antemán outros dous galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG: o premio para a Institución que se caracterizase pola súa contribución á divulgación da literatura galega, que este ano será para a Fundación Penzol; e mais o Premio AELG 2011 “Escritor Galego Universal”, outorgado pola Asemblea ao escritor Antonio Gamoneda, galardón que o distingue como autor que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana.
Listaxe de premiados
Literatura Infanto-xuvenil: O pintor do sombreiro de malvas (Xerais) de Marcos Calveiro.
Mellor Traxectoria en Xornalismo Cultural: Ramón Nicolás.
Ensaio: O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo (Sotelo Blanco) de María Pilar García Negro.
Tradución: Marga do Val, pola tradución de Randea do alento (Xerais) de Herta Müller.
Teatro: Flores de Dunsinane (Xerais) de Manuel Lourenzo.
Mellor Blog Literario: O levantador de minas, de Alfredo Ferreiro.
Narrativa: Todo é silencio (Xerais) de Manuel Rivas.
Poesía: Estremas (Galaxia) de Ana Romaní.