A Asociación Galega de Editores abriu a plataforma de distribución Elibro-galego. Esta web permite que os editores escollan como queren vender cada un dos seus títulos en catálogo: lectura na nube; descarga con dispositivo DRM social, que consiste na impresión dentro da obra dos datos da persoa que merca o libro; DRM de Adobe; e DRM e-libro-galego, deseñado especificamente para este distribuidor on line.
Para mercar os libros para dispositivos móbiles que usen sistemas operativos Android ou os propios de Apple, o sistema realiza a redirección á plataforma que proceda e onde o libro estea á venda.
A plataforma será ampliada e enriquecida nos próximos meses mediante a incorporación doutros recursos destinados á promoción da venda on line. Os editores galegos incorpóranse deste xeito a un novo sistema produtivo, que é aínda unha incógnita como modelo de negocio.