O poeta e pintor Xurxo Alonso ven de gañar o III Premio Xosé María Castro de Poesía, que convoca anualmente o Concello de Guitiriz, co seu poemario Oracións profanas.
Para o xurado desta edición, formado por Ánxela Gracián, Armando Requeixo, Miguel Anxo Fernán Vello e Rexina Polín (como coordinadora, con voz e sen voto), a obra gañadora amosa unha “poderosa voz oracular que destila a trintena de poemas deste libro, cheo de resonancias épicas, cunha selección léxica admirable, que tece o verso nun laio clamoroso a través do cal revisita os grandes temas da poesía de todo tempo e do noso tempo”. Do mesmo xeito, Oracións profanas revela “unha imaxinería fulgurante que convida a reler o río da memoria que nos leva neste presente intenso e avolto que nos tocou vivir”.
Xurxo Alonso naceu en Bos Aires pero reside en Vilagarcía de Arousa dende os oito anos. A este premio de poesía Xosé María Díaz Castro súmanse anteriores galardóns, como o Premio de poesía Francisco Añón no 1998, o Xohán de Requeixo no 1999, o Premio de poesía Avelina Valladares no 2000, por Dime, Alexandría, o Feliciano Rolán no 2001, o Johán Carballeira no 2001, por Onde viven os saqueadores de naufraxios (Espiral Maior), o premio Fermín Bouza Brey no 2003 por Cidades de area (Espiral Maior), o Concello de Carral no 2004 por Breviario de Aldemunde (Espiral Maior) ou máis recentemente o premio de poesía Cidade de Ourense no 2016, por Cartas da fronteira (Espiral Maior). Ademais da cantidade económica establecida nas bases do premio, Alonso verá publicado o seu traballo en Espiral Maior e presentarase no mes de outubro, coincidindo coa data do pasamento de Díaz Castro.