A Casa da Cultura do Concello de Lousame acolleu o acto de entrega do XII Premio de Historia Medieval de Galiza e Portugal, que convoca anualmente a editorial noiesa Toxosoutos co apoio dos concellos de Noia, Outes, Porto do Son, Lousame, Carnota e Muros dende o ano 2001.
O xurado, composto por Henrique Monteagudo, Clodio González, Xerardo Agrafoxo, Pedro G. Vidal e Antonio Rey, concedeu o premio a Olga Novo polo seu traballo Leda m´ and´ eu. Poética erótica medieval galaica: á procura da nosa intrahistoria.
O traballo gañador é un ensaio centrado nos textos líricos da escola trobadoresca, que aborda os contidos de xeito multidisciplinar, manexando instrumentos da historia social, do dereito e da antropoloxia histórica. Trátase dunha obra que busca coñecer a alma da Galicia medieval, enmarcada no Occidente europeo, por medio da súa concepción do mundo erótico e da realidade das súas prácticas. Olga Novo analiza a historia da sexualidade desa época, a súa repercusión socio-política e mental, a oposición de xéneros nos diferentes grupos da poboación, a participación do pracer transgresor e das súas formas e códigos na cultura dun pobo, incluídas a marxinalidade e a obscenidade.
O Premio de Historia Medieval de Galiza e Portugal xurdiu para promocionar e divulgar estudos e traballos de investigación histórica centrados na Idade Media galega, unha época particularmente complexa polas circunstancias e avatares vividos nese período de tipo social, político, relixioso, xenealóxico… As obras gañadoras, amais da dotación económica establecida nas bases conleva a publicación do traballo gañador dentro da Serie Trivium da Editorial Toxosoutos; considerada, por calidade e volume de títulos, como a colección de maior prestixio en cuestións referidas á historia medieval de Galicia e Portugal dentro do territorio galego.