Ignacio Vidal Portabales é o nome do gañador do XXX Premio de Novela Longa Blanco Amor pola súa obra Dióxenes en Dolorida. Para o autor, nado en 1958 en Santiago de Compostela, trátase da súa primeira novela en lingua galega. Unha obra que salienta, segundo o xurado, pola súa estrutura e estilo áxil e directo, polo emprego de diferentes voces narrativas e do humor como elemento condutor e pola recreación dun ambiente a medio camiño entre o real e o paródico. Tamén salienta o xurado o esforzo de introspección que o autor realiza nas relacións de parella e a propia construción do personaxe protagonista.
Coincidindo co aniversario do pasamento do escritor ourensán, a SCRD Agarimo de Sillobre de Fene acolleu a gala de entrega do XXX Premio de Novela Longa Blanco Amor. O acto, que contou coa actuación do grupo de jazz Cool Hamsters, converteuse en punto de encontro de numerosas autoridades e representantes do tecido cultural galego.
Vintecinco foron os concellos que patrocinaron esta trixésima edición do Premio de Novela Longa Blanco Amor: Oímbra, Santa Comba, Narón, Soutomaior, Redondela, Arteixo, Irixo, A Coruña, Pontevedra, Carballo, Lugo, Vigo, Mugardos, Moraña, Culleredo, Teo, Oleiros, Cabanas, Ferrol, Vilagarcía de Arousa, Neda, Ourense, Brión, Santiago de Compostela e Fene. No decurso da gala celebrada, realizouse o sorteo para dar a coñecer o concello organizador da vindeira edición e os dous suplentes. Segundo o Regulamento non son elixibles aqueles concellos que xa organizaran algunha edición anterior do premio nin aqueloutros que non confirmaran a súa participación na presente edición. En consecuencia, os concellos que entraron no sorteo este ano foron: Oimbra, Ferrol, Cabanas, Arteixo, Pontevedra, Carballo, Moraña e Teo. Realizado o sorteo, correspóndelle a organización da XXXI edición ao Concello de Arteixo, resultando suplentes os Concellos de Ferrol (1º) e Oimbra (2º).