A Fundación Curros Enríquez convocou o pasado sábado, na Casa dos Poetas de Celanova, ás Casas Museo e Fundacións de Escritor a un encontro no que afondar no compromiso de traballar en rede, de xeito coordinado, como forma de poñer en valor a intensa actividade que realizan a prol da dinamización da cultura, sobre todo nos eidos local e rural.
Na orde do día estaban, ademais, iniciativas para a promoción conxunta das Casas Museo de Galicia e roteiros literarios e visitas teatralizadas. Este segundo encontro responde ao compromiso adquirido na primeira xuntanza, que tivo lugar no pasado mes de xuño en Ponteceso, de tirar partido dos parámetros comúns que rexen este tipo de entidades para articular iniciativas colectivas que lles dean máis visibilidade e contribúan a un aproveitamento óptimo dos recursos ao seu dispor.
As entidades participantes neste encontro foron a Fundación Curros Enríquez, a Fundación Eduardo Pondal, a Casa Museo Rosalía, a Fundación Carlos Casares, a Fundación Insua dos Poetas, a Fundación Blanco Amor, a Fundación Carlos Velo, a Fundación Cela, a Fundación Uxío Novoneyra, a Fundación Manuel María, a Casa Museo Otero Pedrayo, a Fundación Vicente Risco e a Casa da Troya.
O segundo Encontro de Casas Museo e Fundacións de Escritor rematou coa realización do percorrido literario urbano Poemas na rúa, unha iniciativa da Fundación Curros Enríquez, anfitrioa da xuntanza, Fragmentos de Onde o mundo se chama Celanova, Longa noite de pedra, A taberna do Galo, Aires da Miña Terra, As follas secas ou Amor de Artur permiten a celanoveses e visitantes convivir coa poesía na rúa e coñecer a orixe da sona literaria da vila.