Alexandre Bóveda é, sen dúbida, unha das figuras claves da historia contemporánea de Galicia. Na súa corta vida desenvolveu algúns dos máis importantes proxectos sociais, económicos e políticos ideados de cara á creación dunha Galicia dona de si. A propia redacción do Estatuto de Autonomía, a consolidación do Partido Galeguista, a posta en marcha dun proxecto financieiro galego, a reflexión sobre as Caxias de aforros ou o plan de viabilidade dun medio de comunicación en galego como era A Nosa Terra son iniciativas que parten da súa brillante actividade intelectual. O seu asasinato na Caeira, o mencer do 17 de agosto de 1936, sobrecolle o país e é o xerme da celebración do Día de Galiza Mártir.
A exposición Alexandre Bóveda. Da Vida e o Compromiso. 1903-1936, que se pode visitar no Refectorio do Museo Provincial de Lugo do 1 ao 31 de xullo de 2011, quere ser unha ambiciosa mostra sobre a súa figura histórica. Investigación e divulgación xúntanse nesta proposta que fará públicos ámbitos case descoñecidos de Alexandre Bóveda, como homenaxe e tamén como difusión da súa figura.
Trátase dunha exposición que nos achega a súa figura dun xeito global, comezando pola súa dimensión humana pero tamén pola política e cultural. Alexandre Bóveda é o centro absoluto da mostra pero, despois del nace tamén a recuperación da súa propia memoria e a exposición axuda a valorar esa ampla dimensión, por medio de creacións artísticas, literarias e mesmo elementos documentais que compoñen a amplitude da súa proxección na nosa historia contemporánea. Sobre Bóveda naceron poemas, organizáronse centos de actos de homenaxe, fixéronse libros, multitude de artigos, debuxos e retratos. Despois de Bóveda a súa memoria materializouse nun sinfín de soportes e é este o momento de recapitular para mostrar a grandeza da súa figura.
O comisario da mostra, o historiador Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, destaca a presenza de "...documentos inéditos, así como imaxes de época, a través dos que fica patente a importancia central do ourensán no referido á creación das Caixas de Aforro provinciais de Pontevedra e Ourense, o seu relevo na 'causa galega' e a consecución do Estatuto de Autonomía do 1932/36".