A lingua propia de Galicia reforza a súa proxección internacional, e faino desta volta a través de dúas novas publicacións en xaponés que chegan da man do lingüista Takekazu Asaka, profesor da Universidade de Tsudajuku considerado o embaixador do galego máis famoso do país nipón. Trátase da Nova gramática galega e da edición bilingüe galego-xaponés da primeira parte de Os Eidos, de Uxío Novoneyra, que saen do prelo, ambos os dous, no marco do catálogo da editorial nipona Kakenhi.
A Nova gramática do galego do profesor Asaka ofrece unha nova versión da Gramática do galego moderno que publicara en 1993, un texto pioneiro que agora se actualiza consonte á modificación normativa do 2003 e implementa a través de novos apartados e abondosos exemplos de uso, sen dúbida moi útiles para aqueles que desexen aprender o galego tamén na súa realidade máis conversacional. O libro conta, amais, cun prólogo no que Francisco Fernández Rei destaca o longo vencello de Asaka con Galicia desde hai décadas e fai un cumprido repaso da súa produción lingüística e literaria arredor da nosa lingua.
Por parte, a edición bilingüe galego-xaponés da primeira parte do poemario Os Eidos de Uxío Novoneryra posibilita o coñecemento polo público nipón dunha das obras cimeiras da poesía galega de posguerra. Publicado orixinariamente en 1955, Os Eidos condensa o máis característico da escrita do autor, quen espella nel a súa visión da natureza e o ser antropolóxico do Courel e, por extensión, de toda Galicia, tanto na súa dimensión material coma inmaterial, tanto no relativo á xeografía ou á meteoroloxía, á botánica ou á zooloxía, como desde unha dimensión cósmica e pannaturista. A edición conta cunha cuberta de Xosé Vizoso e cun documentado e revelador prólogo de Claudio Rodríguez Fer, especialista na obra do courelao, quen dá conta da especial significación destes versos e destaca a súa natural proximidade coa lírica do haiku, tan definitoria da cultura xaponesa.
Takekazu Asaka (Tokio, 1952), profesor de Filoloxía Románica na Universidade de Tsudajuku, entrou en contacto coa cultura e a lingua de Galicia a finais dos anos setenta, mantivo correspondencia no seu día con significados galeguistas, como Ramón Piñeiro e Xaime Isla Couto, e publicou desde entón numerosos artigos e investigacións relacionadas coa lingua galega.