A ONG Implicadas no Desenvolvemento organiza por oitavo ano a gala Implícate. Noite de música e palabra solidaria, un evento conducido polo actor Luís Tosar e a poeta Yolanda Castaño. Será o vindeiro domingo 13 de xaneiro no teatro principal de Santiago de Compostela.
Implícate contará con actuacións de diferentes disciplinas como literatura, danza, música e teatro, co obxectivo de visibilizar o traballo da asociación 'Implicadas no desenvolvemento' e acadar fondos para os proxectos que leva a cabo esta ONG.
Os artistas que participarán nesta noite de música e palabra solidaria son:
Literatura: Anxo Angueira, Carlos Negro, Eva Veiga e María Canosa.
Teatro: Rubén Riós, Estíbaliz Espinosa e Roberto Vilar.
Danza: Quique Peón.
Música: Xoán Curiel, Sés e Xosé manuel Budiño.
Na gala poderase ver igualmente parte do documental "Cambia de papel", que nestes intres atópase en proceso de postproducción.
Implicadas basea o seu traballo na procura da igualdade de xénero como base para o desenvolvemento humano perdurable. Implicadas entende a loita contra a pobreza como un exercicio de responsabilidade da cidadanía do Norte e a busca de espazos para que cidadanía do Sur, e en concreto as mulleres, poida tomar decisións sobre as súas vidas.