O concelleiro de Educación e Cultura de Negreira, Luis Calviño Pueyo, xunto co técnico municipal, Marcos Pérez, presentaron o programa de actividades que se desenvolverán no concello coruñés co gallo do Día das Letras Galegas.
Entre as múltiples actividades que se realizarán entre o 16 e o 20 de maio sobresae a convocatoria do primeiro Premio de Poesía "Ardeiro". Presentarase o 17 de maio ás 19.00 h., no auditorio do Centro Sociocultural, e incluirá unha actuación musical no acto no que participará o profesor nx0woé Antonio Ponte Far, e mailos fillos do finado poeta de Logrosa Xosé M. López Ardeiro.
Por outra banda Luis Calviño informou que dende o mércores 16 e até o sábado 19, estará aberta, na primeira planta da Casa dá Cultura, a sala de exposicións onde se garda o despacho xunto co legado da obra do escritor, Xulián Magariños Negreira.
Deste xeito, amais de homenaxear a Valentín Paz-Andrade, autor a quen se dedica o Día das Letras Galegas 2012, o concello de Negreira lembra a dous dos seus escritores máis sobranceiros.
Xulián Magariños (1904-1934) foi un escritor e avogado galego e membro fundador do Seminario de Estudos Galegos. Colaborou en prensa e no Vocabulario popular Galego-Castelán. Chegou a publicar dúas noveliñas curtas na editorial Lar: O Kalivera 30 H. P. e O filósofo de Tamarica.
O poeta Xosé Manuel López Ardeiro (1944-2007) foi membro fundador da Sociedade Cultural Afonso Eanes e da ONG Alén Mar, en Negreira. Ten no seu haber unha abondosa creación poética, merecedora de premios como o Cidade de Ourense no 1981, o Celso Emilio Ferreiro de Vigo no ano 1985 ou o Eusebio Lorenzo Baleirón no 1988.