O concelleiro de Normalización Lingüística do concello de Ferrol, nx0woé Manuel Vilariño Anca, asinou un convenio de colaboración co presidente da Xunta Veciñal de Doniños, Tomás Javier Cabezón Lorenzo, para a cesión temporal ao Concello de Ferrol de manuscritos de don Gumersindo Díaz García (1893-1978), poeta e novelista ferrolán membro non numerario da Real Academia Galega. Este acordo permitirá recuperar e por en valor mediante a súa dixitalización o legado deste autor, que se atopaba na biblioteca veciñal; e foi a propia entidade de veciños a que se puxo en contacto co Concello para que se encargase do mantemento deste material cultural, dado que o seu estado comezaba a deteriorarse.
Vilariño Anca explicou que o obxecto deste acordo non se limita a garantir a conservación da obra de Gumersindo Díaz senón que “nun futuro próximo poder ofrecer copias de consultas na rede de bibliotecas municipais do Concello de Ferrol e na biblioteca propia da Xunta Veciñal de Doniños”. O legado manuscrito que pasa a depender da Administración ferrolá está composto por nove pezas de poemas, teatro e novela, unha delas inacabada, redactadas en galego unhas e en castelán outras. A cesión temporal será por 25 anos e o Concello de Ferrol comprométese a proceder á conservación en condicións axeitadas dos citados exemplares así como a súa dixitalización. Así mesmo, o titular de Normalización Lingüística apuntou que Concello de Ferrol adquire o compromiso de realizar no vindeiro exercicio económica unha edición do material ou parte del, que permita a súa consulta e utilización ás persoas usuarias da biblioteca municipal e da entidade veciñal. O material cedido pola Xunta Veciñal de Doniños ao Concello é o seguinte:
- Paulina da Costa (comedia en tres actos).
- A Caloña entre loureiros.
- Avelaíñas de outono (100 sonetos).
- Madreselva (poemas).
- La Calumnia (novela).
- Historia de Doniños (novela sen rematar).
- Poemas diversos.
- El Bastardo (novela).
- El jardín de los romances (poemas).