O Consello da Cultura Galega e a Fundación Curros Enríquez asinaron un convenio de colaboración polo que a institución celanovense gravará en arquivos informáticos de formato dixital os seus actos relevantes e remitirá copia ao Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega.
Segundo lemos na web do CCG, para completar o “Fondo Fundación Curros Enrríquez” o Consello recibirá tamén en préstamo durante seis meses outras gravacións da Fundación para a súa copia e dixitalización, fondos que estarán dispoñibles para os investigadores externos e para a difusión a través da web.
Na sinatura do convenio participaron Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Antonio Piñeiro, secretario da Fundación Curros Enriquez; Maximino Rodríguez, concelleiro de Celanova; e Afonso Vázquez-Monxardín, secretario do Arquivo Sonoro de Galicia.