O Consello da Cultura Galega celebrará o vindeiro 24 de maio a xornada Xigantes ou ananos? Celso Emilio Ferreiro e o debate sobre a emigración galega. Tres relatorios e unha mesa redonda abordarán a biografía político-intelectual de Celso Emilio no marco dos actos conmemorativos do centenario do seu nacemento.
A xornada está coordinada polo profesor Xosé Manuel Núñez Seixas., e contará coa participación de Anxo Lugilde, Xosé Neira Vilas, Ramón Nicolás, Xosé Manuel Núñez Seixas, María Xosé Porteiro, Román Rodríguez González, Raúl Soutelo Vázquez e Ramón Villares.
Xigantes ou ananos? ten como obxecto debater a actualidade das propostas críticas verbo do papel histórico e presente da emigración galega. Para iso reavaliarase, dende unha perspectiva actualizada, a discusión que provocara a aceda crítica ás colectividades de emigrantes galegos en Venezuela que contiña Viaxe ao país dos ananos, e tentarase bosquexar cales poderían ser os paralelismos e as leccións desa discusión no presente.
Ao longo da xornada, diferentes expertos abordarán a biografía político-intelectual de Celso Emilio Ferreiro denantes e despois da súa emigración a Venezuela; o contexto e os trazos principais da inmigración galega e da colectividade galega en Venezuela entre as décadas de 1940 e 1970; e mais a discusión transnacional, na propia Galicia e nas comunidades de emigrantes de América e Europa, que foi provocada polas acusacións de Celso Emilio, o que tamén se vencellaba coas propias ideas do poeta arredor do feito migratorio. Concluirase cunha mesa redonda en que se afondará sobre a actualidade ou non das propostas do celanovés e dos seus críticos, e tentarase un posíbel balanzo da relevancia que a emigración e mais as comunidades de emigrantes desempeñaron na historia e no presente de Galicia.