O tenente de alcalde e concelleiro de Cascos Históricos de Vigo, Santi Domínguez, confirmou a adquisición por parte do Concello da "emblemática" Casa do Patín de Bouzas e o anuncio que "unha vez rehabilitada" destinarase á biblioteca e incorporarase á Rede de Bibliotecas Municipais de Proximidade, xunto á recentemente inaugurada en Martínez Garrido e a que se vai habilitar en Navia. Domínguez adiantou que o obxectivo é que a execución da rehabilitación estea rematada a finais do vindeiro ano.
O custo de adquisición elevouse finalmente a 440.000 euros. A Casa do Patín ten unha superficie de 300 metros cadrados e actualmente está nun estado de ruína total, polo que a intervención necesitará unha reconstrución absoluta.