Tras o lamentable peche hai uns días do xornal Galicia-Hoxe unha nova proposta informativa intente abrirse paso nestes difíciles tempos para o xornalismo, e nomeadamente para os medios en galego.
Sermos Galiza, que nace baixo o amparo promotor dun grupo de trece persoas, entre as que se atopan Néstor Rego, Xurxo Souto, Teresa Moure, Marica Campo ou Xosé Ramón Freixeiro Mato, é unha proposta para a "existencia e consolidación dun espazo galego de comunicación", segundo indican no blog http://sermosgaliza.blogspot.com. Afirman que este proxecto nace por "a ausencia de medios cuxo centro de atención informativa sexa Galiza e as liñas editoriais cada vez máis belixerantes nos medios de comunicación en soportes tradicionais, evidencian unha situación na que a nosa lingua, a defensa do país, a información de organizacións propias e a nosa cultura fica abafada na morea de información xerada con outras fontes e outros obxectivos.".
Coa "lingua como elemento definitorio do proxecto", "estamos a falar portanto dun proxecto que deberá arrancar con un diario dixital e un semanario en papel, este cunha vocación máis interpretativa e de análise e a información máis demorada expresada en xéneros xornalísticos como a entrevista ou a reportaxe. Mais o proxecto non debe pórse límites. En troca, debe aspirar a afianzarse e crecer. À partida pensando na radio. Mesmo en formatos máis novos, como a radio dixital. E de aí para diante."