Este domingo 30 de setembro o Movemento pola Base realiza un acto de homenaxe ao escritor, xornalista e político Xoán Xesús Gonzalez no cemiterio de Cequeril, Cuntis, onde están enterrados os seus restos e, posteriormente, un xantar de confraternización con motivo do 76 aniversario da súa morte a mans do fascismo.
No acto farase unha ofrenda floral na súa tumba e intervirán un historiador local coñecedor da vida e da obra do político e un sindicalista que reivindicará a vixencia do pensamento e o exemplo de Xoán Xesús.
Xoán Xesús González Fernández naceu en Sebil, parroquia de Cequeril (Cuntis) o 9 de novembro de 1895. Nacionalista e socialista, colaborou no semanario A Nosa Terra e fundou o xornal El País Gallego (1927-1931). En 1936 participa na fundación da Asociación de Escritores de Galicia. Ao estoupar a Guerra Civil, púxose á fronte dun grupo de cincuenta obreiros de Teo coñecido como O Terzo de Calo que se dirixiron cara a Compostela para defender a legalidade republicana chegando o 20 de xullo pola noite á cidade, pero tras a ocupación da cidade polos militares, ao día seguinte Xoán Xesús foi encarcerado e permaneceu na prisión ata que os sublevados o fusilaron o 12 de setembro de 1936, nas tapias do cemiterio de Boisaca, en Santiago de Compostela.
González Fernández publicou poesía, narrativa, teatro e ensaio en míticas editoriais como Nós ou Lar.
Programa de actos
12.30 h. Homenaxe no cemiterio de Cequeril.
14.30 h. Xantar de confraternidade na área recreativa de San Antoniño do Monte, Campo Lameiro.