Co gallo do centenario da morte do escritor Manuel Leiras Pulpeiro, o concello de Mondoñedo -berce do poeta- e a Deputación de Lugo, co apoio de varias asociacións locais, organizan os días 9,10 e 11 de novembro unhas xornadas arredor de Leiras Pulpeiro.
Ao longo destes tres días especialistas na obra de Leiras Pulpeiro achegaranse ata Mondoñedo para participar dun completo programa de actos onde se debullará a obra e a personalidade do poeta. Deste xeito, persoeiros como Xesús Alonso Montero, Anxo Tarrío, Antonio Reigosa, Armando Requeixo, Camiño Noia ou Xusto Beramendi entre moitos outros serán partícipes dunha xornadas onde os asistentes poderán asistir a conferencias, mesas redondas ou á presentación dos libros Vida e obra de Manuel Leiras Pulpeiro (Galaxia) e Poesías completas. Manuel Leiras Pulpeiro (AGLP). No transcurso destas xornadas farase entrega do I Concurso de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro e o último día das xornadas descubrirase unha placa conmemorativa na casa natal.
Para recibir máis información sobre as xornadas ou para apuntarse as mesmas poden dirixirse ao correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
Manuel Leiras Pulpeiro (Mondoñedo 1854-1912) foi un escritor galego do Rexurdimento. De forte carácter, tivo problemas coa sé arcebispal de Mondoñedo por mor do seu anticlericalismo. Ese mesmo carácter levouno a rexeitar a súa incorporación á Real Academia Galega, a pesares de ser un continuado colaborador. Autor dun só libro Cantares Gallegos (1911), Leiras Pulpeiro canta a Mondoñedo e á Galicia, utilizando unha prosa de materia costumista e social, patriótica e sátira anticlerical, onde eleva á categoría de mito a figura do Mariscal Pardo de Cela. Dedicóuselle en 1983 o Día das Letras Galegas.