O vigués Miguel Cavadas Docampo é o gañador do XXI Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores, convocado polo Concello de Mondoñedo en colaboración coa Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo. O traballo presentado polo gañador ten por título Adagio.
O xurado destacou nos versos de Adagio a súa capacidade para "formular unha estética que abala entre o evocativo e o amatorio, chea de imaxes sorprendentes e atrevidas, que xoga habilmente coa mestura de referencias cultas e imaxes cotiás para facer avanzar unha historia fondamente pasional".
O segundo premio recaeu na obra Catro notas arredor desta caixa para despois, da que é autor Quico Valeiras, do Carballiño; e o terceiro premio foi para o saviñao Adrián Maceda Fernándeza, coa obra Cinco anticipacións a un corazón caído.
O xurado do premio estivo formado por Áurea Ramil, Armando Requeixo e Chema Felpeto, baixo a coordinación de Gil Ares e Alberto García.
A entrega do Premio terá lugar mañá sábado 19 de decembro a partir das 11.15 h. segundo o seguinte programa:
11.45 h. Recepción oficial na entrada do Auditorio Municipal Pascual Veiga.
12.00 h. Entrega de Premios do XXI Certame de Poesía Díaz Jácome no Auditorio Municipal Pascual Veiga.
Manteranse as normas aprobadas polas autoridades en canto ao aforo e medidas sanitarias en relación coa situación actual de pandemia provocada pola COVID-19.
O Certame de poesía Díaz Jácome para novos creadores é un certame de poesía convocado dende o ano 1999 polo Concello de Mondoñedo co patrocinio da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, co afán de estimular a creación poética entre a mocidade, xa que só poden presentarse autoras e autores de menos de trinta anos. O premio está adicado ao escritor e xornalista mindoniense Xosé Díaz Jácome.