O xornalista Miguel Anxo Martínez Oubiña ven de gañar o XXXVIII Certame Nacional de Narracións Breves “Modesto Rodríguez Figueiredo” polo seu relato As casas baratas. Este premio está convocado pola Fundación do Padroado Pedrón de Ouro desde o ano 1975. A viguesa María Alonso Alonso logrou un accésit coa narración María a Lobiqueira e o compostelán Alberto Gómez Aneiros outro accésit con Contos dun representante artístico.
Esta edición do Modesto Rodríguez Figueiredo tivo lugar no concello de Cerdedo e estivo precedida polo acto de colocación, por parte da Fundación Pedrón de Ouro, dunha placa conmemorativa na casa natal do investigador cerdedense Antonio Rodríguez Fraíz co gallo do centenario do seu nacemento.
O Premio é un dos máis importantes do panorama literario galego e foi acadado por autores como Xavier Alcalá, Tucho Calvo, Suso de Toro ou, Xosé Manuel Martínez Oca.