A profesora María López Sández ven de gañar con A forma das nubes a VI edición do Premio de Narrativa Breve Repsol, que se deu a coñecer hoxe nas instalacións coruñesas da refinería nun acto no que interviñeron Xavier Alcalá –voceiro do xurado e encargado de ler a acta do fallo-, Valentín García -Secretario Xeral de Política Lingüística- e César Gallo –vicepresidente da Fundación Repsol.
A forma das nubes é, desde o punto de vista do xurado, unha peza intimista de temática psicolóxica que dá conta da viaxe interior dunha muller, no seu paso da infancia á xuventude. O xurado encargado desta sexta edición integrárono María Canosa, Dolores Vilavedra, Carlos Lema, Xavier Alcalá e Darío Xohán Cabana.
A autora da obra, María López Sández é doutora en Teoría da Literatura e Literatura Comparada pola Universidade de Santiago e actualmente imparte docencia no ensino medio, no IES Xulián Magariños de Negreira. Tamén é profesora asociada na Facultade de Ciencias da Educación da USC. No 2007 deuse a coñecer coa obra Paisaxe e nación (Galaxia), traballo merecente do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio.