A illa da San Simón acolleu un ano máis a gala de entrega dos premios Xerais. Unha das citas máis senlleiras do panorama literario galego.
A gala, conducida por Celia Torres, tivo a Marilar Aleixandre como mantedora literaria e a Xurxo Souto como músico convidado. Marilar Aleixandre resaltou no seu discurso o papel da lectura e dos libros que iluminan.
Entrando xa nos galardoados e protagonistas da noite, esta edición os vencedores foron un consagrado das nosas letras como é Marcos Calveiro, no Merlín; e uns novos escritores de ilustrísimo apelido, Lorenzo, no Xerais de novela, que recaeu en María Lorenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón.
Premio Merlín para Palabras de auga.
O xurado da XXVII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, no que concorreron corenta e dúas obras, acordou por unanimidade declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema Palabras de auga, de Marcos Calveiro.
Palabras de auga narra a aventura iniciática de Amadou, un rapaz suahili que pertence a un clan de nómades. A obra, sólida e perfectamente estruturada, está construída a través de continuos flashbacks que van artellando a historia. Segundo os membros do xurado "os pulmóns de África respiran nas follas deste libro coa forza de todo o continente. A inclemencia do sol, a busca desesperada da auga, a sorte do alimento… E as mulleres, pedra angular das tribus africanas, e que nesta obra representan o sólido capaz sobre o cal descansa toda responsabilidade da supervivencia".
Sobre a novela Marcos Calveiro declarou que "Palabras de Auga é como outras miñas un diálogo intercultural, neste casa coa África Subsahariana. Con esa cultura da que só sabemos cando acontecen desgrazas ou polas mulleres e homes afoutos que xogan a vida embarcando nas “pateras” na procura dun futuro mellor para eles e para os seus fillos".
Premio Xerais para Tonas de laranxa.
O xurado da XXIX edición do Premio Xerais de Novela, no que concorreron trinta e dúas obras, acordou por unanimidade declarar como gañadora a obra Tonas de laranxa, de María Lorenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón.
O xurado do premio subliñou da novela gañadora que "A partir da recreación dun espazo imaxinario, marabilloso, que rende homenaxe á narrativa de Álvaro Cunqueiro, no lugar de Moreira, que é onde se desenvolve esta historia, vanse tecendo as vidas, por veces insólitas, de moitos personaxes curiosos, fabulosos, entrañables, que se introducen coma po nas nosas vidas e estimulan os nosos sentidos para crear unha atmosfera intemporal, sutil e poderosa ao tempo".
Para rematar, os membros do xurado cualificaron Tonas de laranxa como "un acto de amor á lingua, arrecendente, profundo, vivo, diverso e capaz de espertar a fame do lector ou lectora".