O escritor Manuel Rivas ven de ser nomeado finalista dos premios Goya da Academia do Cine na categoría de Mellor Guión Adaptado por Todo es silencio, un traballo baseado na novela Todo é silencio que Rivas publicou en Xerais no ano 2012.
Todo é silencio narra o irresistíbel ascenso social de Mariscal, un capo contrabandista, e das almas que habitan Noitía, o universo que domina ao seu antollo. En Noitía, na costa atlántica, houbo un tempo en que as redes do contrabando, reconvertidas ao narcotráfico, acadaron tanto poder que estiveron moi preto de controlar o poder social e as institucións. Todo é silencio é tamén a vida dun grupo de amigos, aos que une dende a infancia o andar á crebas, á procura de restos de naufraxios, no escenario sempre sorprendente do mar de Galicia. Ese mar que fala cos signos que deita na beira. Dende moi pronto, o destino da xente nova estará determinado pola sombra odiosa e engaiolante a un tempo do omnipresente Mariscal. Unha historia, Todo é silencio, que relata como os círculos do crime rodean e corrompen, non sempre con éxito, o estraño feitizo da condición humana.
O filme está dirixido por nx0woé Luís Cuerda, quen xa levara ao cine o relato de Manuel Rivas A lingua das bolboretas.
A 27ª edición da cerimonia de entrega dos Premios Goya celebrarase o domingo 17 de febreiro, no Centro de Congresos Príncipe Felipe de Madrid.