A escritora Lupe Gómez é a gañadora do sexto certame poético Rosalía de Castro 2020 polo poemario No encanto do aire.
O xurado valorou que No encanto do aire é “un poemario que, partindo das rúas de Compostela percorre o país con mirada silenciosa, por veces desolada, axudada polas pegadas da nosa tradición, historia e literatura”. Unha elección que se realizou tras varias votacións entre os dezaseis traballos presentados nesta edición.
O xurado estivo formado por Antonio Fernández, alcalde de Padrón, como presidente, e por Lorena Couso Dopazo, Anxo Angueira, Manuel Lorenzo Baleirón, María Xesús Senín, Xosé Luís Axeitos e María López Sánchez como vogais, actuando a animadora cultural do Concello de Padrón, Beatriz Lorenzo Vázquez, como secretaria do xurado, con voz pero sen voto.
Lupe Gómez, xornalista e escritora de longa traxectoria, ten no seu haber premios como o da Crítica de poesía galega 2018 por Camuflaxe (Chan da Pólvora), o Premio Eusebio Lorenzo Baileirón ou o Johán Carballeira. O pasado ano publicou o epistolario Fosforescencias (Alvarellos), que foi galardoada co premio ao libro mellor editado no 2019.