Lorena Souto, licenciada en Filoloxía pola Universidade de Santiago e membro do consello de redacción da revista Dorna, é a gañadora da XXIV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, pola súa obra Fase de trema.
O xurado, integrado polas escritoras Rosa Aneiros, Andrea Nunes Brións e Marica Campo, premiaron un traballo que atravesa os límites do persoal cara á construción dunha voz feminina colectiva, que transmite a tensión por non herdar nin transmitir un discurso patriarcal. Fase de trema está construído con grande riqueza metafórica e varios niveis de lectura, permitindo unha achega sinxela pero sen renunciar a brindar sentidos máis profundos.
O Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, instituído desde hai vintecatro anos polo Círculo Mercantil e Industrial de Fene convócase, seguindo a senda xa instituída polo “Segrel do Penedo” coa finalidade de promover a escrita literaria na nosa lingua, especialmente entre as novas xeracións. Amais da dotación económica, o pemio conleva a publicación da obra gañadora na editorial Espiral Maior.
Desde o ano 2005 o certame, convocado coa colaboración do Concello de Fene, premia un libro individual dun autor ou autora inédita procurando, deste xeito, abrir espazo para persoas que inician a súa andaina nas letras galegas. Desde entón, acadaron o certame Mario Regueira, Xiana Arias, Valentina Carro, Susana Sánchez Aríns, Ramón Neto e María Rosendo.
O acto de entrega do premio terá lugar o próximo 19 de novembro, sábado, ás 21.00 na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene.