Non é doado publicar hoxe en día, aínda cando a túa novela ten detrás o bagaxe de ser finalista de dous premios tan importantes como o Xerais ou o García Barros de novela. Pero a pesares de non poder vela (polo de agora) en papel, a mellor opción e lanzarse á aventura de introducirse de cheo nese espazo de liberdade que é a Rede, así, en maiúsculas, porque a novela Limiar de conciencia, de Cris Pavón, ten moito que ver con este mundo:
Ano 2062. LIDIA, unha máquina lingüística que realiza traballos de tradución, sofre unha avaría no sistema de comunicacións e queda illada. Nos seus logs diarios informa dos procedementos realizados para a diagnose desa avaría e, tras uns primeiros días de desconcerto, trata de artellar mediante unha narración unha explicación a súa situación, unha reconstrución da súa historia.
Os reiterados fracasos no seu intento de restablecer as comunicacións fan que dirixa o seu traballo cara á tarefa narrativa. No seu relato perfílase un protagonista, Diego, quen ha xogar un papel esencial no desenvolvemento das máquinas lingüísticas. Diego ten unha disfunción neurolóxica que lle impide despregar unha conduta emocional comparábel á da maioría. É un autista altamente funcional que atopa na computación o seu hábitat ideal.
Sen esperanza xa de establecer comunicación e coa subministración enerxética moi limitada, LIDIA intenta contra o reloxo atopar, narrar, unha explicación ao que ocorre.
Limiar de conciencia está dispoñible no blog da autora e está liberado baixo licencia Creative Commons en formato .pdf, .epub e .mobi