O xornal La Voz de Galicia achega aos seus lectores o libro Carlos Casares en La Voz de Galicia, un percorrido pola sección Á marxe que Casares escribiu no xornal coruñés diariamente entre 1988 e o 2002.
Co gallo dos dez anos do pasamento de Casares, La Voz de Galicia ofrece neste volume unha peneira dos mellores artigos de Á marxe. Son un total de 59 colaboracións que percorren o máis destacado do universo persoal que Casares foi quen de crear día a día. Entre eses artigos inclúese Carta aberta a un político galego, co que Casares gañou en 1983 o Premio Fernández Latorre.
Os textos de Casares están acompañados polas ilustracións dalgúns dos nosos ilustradores máis sobranceiros, como Siro, Abraldes, Pinto&Chinto, Xosé Tomás, Matalobos, Xaquín Marín, ... O tomo complétase con artigos de Kristina Berg, Xosé Luís Barreiro Rivas e Xesús Fraga.
Carlos Casares en La Voz de Galicia entrégase mañá por un euro máis o prezo habitual do xornal.