O xurado da vixésimo quinta edición do Premio Ánxel Fole de Ensaio, dedicado este ano á figura de Xosé Almoina Mateos no cincuenta aniversario do seu pasamento, decidiu outorgar por unanimidade o premio a Isabel Gómez Rivas polo seu traballo Almoina.. O tribunal estivo integrado por Claudio Rodríguez Fer, escritor e director da Cátedra Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela; Juan Ramón Díaz García, xornalista e director de El Ideal Gallego; nx0woé de Cora Paradela, director de El Progreso; e M.ª Teresa Cores Fernández, directora de contidos socioculturais de Novacaixagalicia, que actuou como secretaria do xurado, con voz, pero sen voto.
Isabel Gómez Rivas concursou cunha exhaustiva biografía de Almoina que percorre a vida deste lucense exiliado na República Dominicana. Almoina, que así se titula o ensaio, analiza todas as etapas da súa vida: Galicia, Benavente, Francia, Santo Domingo e México, procurando sempre botar luz sobre a controvertida e complexa personalidade do lucense, buscando desentrañar a contradición que aparentemente dominou a vida de Almoina, a dun exiliado socialista convertido no secretario de Estado do ditador Trujillo e que, á vez, foi autor dunha incisiva denuncia ao propio réxime trujillista. O traballo susténtase nunha pormenorizada investigación que Gómez Rivas realizou a través de diferentes arquivos documentais: os rexistros civís de Lugo, Benavente, Morón de Almazán, Soria, Alcalá la Real en Jaén, no Arquivo Telegráfico e Postal de Madrid, no Arquivo Xeral da Administración de Alcalá de Henares, no Centro Documental da Memoria Histórica de Salamanca, no Arquivo Histórico do IES Lucus Augusti, no Arquivo Histórico do Partido Comunista de España, no Arquivo Histórico do PSOE. Fundación Pablo Iglesias ou no Arquivo Vicente Lloréns. Biblioteca Valenciana, entre outros moitos.
Gómez Rivas naceu no 1971 en Lugo, é xornalista de profesión e traballou durante anos na delegación de La Voz de Galicia na cidade da muralla. Logo do seu paso pola redacción do xornal galego, marchou a vivir a Madrid, onde hoxe continúa e onde traballou como profesora na Universidade Carlos III, como redactora no Taller de Edicións Corporativas (TECORP) e como redactora en Lúa Multimedia. Na actualidade colabora como redactora en Jot Down Cultural Magazine.
É no ano 1986, logo do pasamento de Ánxel Fole, cando Novacaixagalicia e El Progreso deciden sumar forzas e dedicar un premio á memoria do intelectual lucense. Ambas entidades programaron un galardón de ensaio que cada ano rende homenaxe a unha figura lucense relevante no mundo da cultura, das artes ou das ciencias. A primeira edición estivo dedicada, como non podía ser doutro xeito, ao propio Ánxel Fole. Tareixa Castro Rodríguez foi a gañadora cun traballo que levaba por título O trasmundo de Ánxel Fole. Logo desta edición, sucedéronse vinte e catro máis que se centraron na vida e na obra de intelectuais como Celestino Fernández de la Vega, Álvaro Cunqueiro, Ramón Piñeiro, Carballo Calero, Noriega Varela, Iglesia Alvariño, Xosé María Díaz Castro, Trapero Pardo, Correa Calderón, Novoneyra, Manuel María, Rof Carballo ou Purificación de Cora y Más-Villafuerte, entre outros. Gañaron o premio estudosos como Aurora Marco, que traballou sobre Carballo Calero; Freixeiro Mato, que analizou as emocións de Noriega Varela; Román Raña, que falou do período formativo de Aquilino Iglesia Alvariño; ou Lois Celeiro, que traballou a poética de Vergara Vilariño.
Tras 25 edicións de traxectoria do premio Novacaixagalicia e El Progreso deciden acordar o aprazamento temporal dunha próxima convocatoria.