Os escritores Isidro Novo e Antonio Reigosa imparten un obradoiro de creación literaria a partires do mes de setembro. Este curso de iniciación á narración oral preséntase hoxe ás 20.00 h. na praza de Ánxel Fernández López (detrás da Casa do Concello) de Lugo.
O obradoiro de creación literaria constará de trece sesións de dúas horas semanais entre o 25 de setembro e o 18 de decembro. Dirixido a maiores de quince anos, entre as diferentes áreas a tratar está a comunicación oral, a cultura tradicional e a oralidade, a memoria, historia e fonte oral ou as historias de vida. As clases terán lugar no Centro Social Municipal 'Uxío Novoneyra' na rúa Quiroga Ballesteros da capital lucense e é unha actividade totalmente de balde. As inscricións irán confirmándose pola orde de chegada.
Este obradoiro está organizado pola Sección de Literatura Oral da Asociación de Escritores en Lingua Galega e conta co patrocinio do concello de Lugo.
Ao remate da presentación de hoxe, o Grupo Palimoco Teatro representará un fragmento de Queres que cho conte?, proxecto de dramatización do conto popular tradicional.