O soportal Literautas.com ven de lanzar iDeas para Escribir, unha nova ferramenta para escritores e guionistas.
O mercado editorial mudou moito nos pasados anos e tanto os blogs como as plataformas de autoedición deron a oportunidade a moitos escritores descoñecidos de acadar o soño de se converter en best-sellers. E é que en tempos de crise a creatividade pode marcar a diferencia. Por iso, os emprendedores galegos tras do proxecto Literautas.com presentan estes días unha aplicación móbil baixo o slogan "a inspiración no teu peto".
iDeas para Escribir é unha app pensada coma un obradoiro literario para levar sempre enriba. Conta cunha serie de xeradores de ideas para lanzarse a escribir e unha completa lista de exercicios.
Con esta aplicación, xa dispoñible na App Store, o usuario pode inspirarse grazas aos disparadores creativos de primeiras liñas, títulos, personaxes e cinco palabras ao azar. Ademais, os exercicios da sección Obradoiro, organizados por nivel de dificultade e en distintas categorías, son unha boa guía para sacar o máximo partido destes disparadores.
Literautas.com é un proxecto da escritora Iria López Teixeiro coa finalidade de ofrecer unha morea de ferramentas para todos aqueles amantes da escritura.