Co gallo do Día Internacional da Tradución, a Asociación de Tradutores Galegos organizou para mañá sábado un acto de homenaxe ao tradutor Henrique Harguindey.
O acto celebrarase ás 20.00 h. na Libraría Café Rinoceronte, en Cangas. Ademais do homenaxeado, participarán Francisco Pillado e Salvador Otero, así como Juan Carballo e Ramón Núñez, que ofrecerán un pequeno espectáculo poético-musical.
Henrique Harguindey naceu en Lugo en 1946. Licenciado en Filoloxía Francesa, ten verquido ao galego máis de trinta e cinco obras de autores como Michel de Ghelderode, Boris Vian, Molière ou Eugène Ionesco para as editoriais máis importantes do país.
O Día Internacional da Tradución coincide co día da conmemoración do falecemento do tradutor da Biblia, Xerónimo de Estridón. A súa celebración promoveuse pola Federación Internacional de Tradutores cando en 1991 decidiu instaurar este día.