Con gallo da celebración do Día do Libro o 23 de abril, Espazo Lectura, en colaboración co Concello de Gondomar, a través da concellería de Cultura, organiza entre o martes 17 e o luns 23 de abril a quinta edición da Semana do Libro e a Lectura, cunha ampla programación de actividades para todos os días.
A Semana comezará o martes 17 na Biblioteca Municipal Gondomar cunha sesión do Club Lecturas Debuxadas, onde se contará coa presenza de Brais Rodríguez, quen falará aos asistente sobre a súa obra A man do diaño (Demo editorial), obra gañadora do VI Premio de Banda Deseñada Castelao.
O mércores 18, ás 18.30 h. na Casa da Lectura en Donas, Bea Campos ofrecerá o seu espectáculo Cantarela, contos e cantos para nenos e nenas.
Ao día seguinte terá lugar Kiko da Silva achegarase á Biblioteca Municipal Gondomar para ofrecer un obradoiro de ilustración para nenos e nenas de 6 a 12 anos.
Para o serán do venres o Café Keik, situado no Parque das Ánimas, acollerá a quinta edición de Dar de ler coma quen dá de beber, un espazo para as lecturas compartidas en voz alta. Será dende as 20.00 h. ata as 22.30 h.
O sábado 21, ás 12.00 h. e de novo na Biblioteca Municipal Gondomar, terá lugar o Club de Lectura compartida Lendo Contigo, para familias con nenos/as de máis de 7 anos. Nesta nova edición do Lendo Contigo o libro proposto é Carta urxente para Máximo Toxo (Xerais) e participará no mesmo o seu autor Diego Rey. Ás 18.00 h. no Auditorio Municipal Lois Tobío representarase a obra teatral baseada no libro a cargo da compañía Talía Teatro. E xa na noite, e para o público adulto, concerto de O Leo i Arremecághona baseado no poemario Hai cu (Xerais).
O acto central será o domingo 22 de abril, cando está convocada para as 12.00 h. unha Sentada Lectora para celebrar o Día do Libro. Dende Espazo Lectura faise un chamamento á cidadanía para que se achegue á Alameda de Gondomar e sentar cun libro na man, nunha reivindicación cívica da lectura que tamén incluirá actuacións musicais e a lectura dun manifesto a cargo da actriz e escritora Paula Carballeira e da xornalista Araceli Gonda.
Para o mesmo Dïa de Libro, o 23 de abril, sesión especial do Contomar: Títeres Tres Globos representarán a obra Pedro e o lobo.
Un completo e interesante programa de actividades para dar a benvida ao Día do Libro.