A biblioteca pública compostelá Ánxel Casal porá en marcha durante os sábados de setembro e outubro unha iniciativa pioneira que, baixo o título de Bibliomercado, pretende achegar os seus servizos e a súa colección a todas as persoas que fagan as súas compras na Praza de Abastos de Santiago de Compostela. Esta actividade realizarase entre as 8.30 h. e as 14.00 h.
A iniciativa Bibliomercado forma parte das actividades que realiza a biblioteca nodal nas rúas de Santiago. Deste xeito, durante o mes de setembro os composteláns tamén poderán coñecer a colección da Ánxel Casal na Praza de Cervantes a través dunha pequena representación dos seus fondos constituída por libros, revistas e audiovisuais. O público terá a oportunidade de consultar estes materiais e obter información sobre os servizos que ofrece a biblioteca: préstamo, actividades culturais (contacontos, monicreques, concertos ou presentacións de libros), clubs de lectura, biblioteca accesible, consulta de internet ou préstamo de portátiles, de e-readers e e-books. Esta pequena mostra irá acompañada pola proxección dun vídeo explicativo sobre as instalacións, servizos e organización da biblioteca.
Como en anos anteriores, a Biblioteca Pública de Santiago súmase a esta iniciativa da Librería Couceiro, que busca a promoción da lectura, un obxectivo compartido polo sector libreiro e as bibliotecas públicas. Esta actividade, que terá lugar na Praza de Cervantes, celebrarase todos os sábados de setembro entre as 10.30 h. e as 14.00 h.