Tras a renuncia de Manuel Bragado ao fronte da dirección de Edicións Xerais de Galicia o pasado 12 de abril, estabamos agardando o nome da persoa que o ía substituír ao fronte da editorial viguesa. O Grupo Anaya, matriz do selo galego, decidiu dar continuidade ao proxecto que viña desenvolvendo Bragado e nomeou, con data do pasado venres 20 de abril, a Fran Alonso como Director Editorial de Edicións Xerais de Galicia.
Fran Alonso comezou a súa traxectoria profesional no ámbito do xornalismo e pertence ao cadro de persoal de Xerais desde 1992, onde desempeñou diferentes funcións no ámbito editorial. É licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola USC, e Máster en Promoción da Lectura e Literatura Infantil pola UCLM. Desde 2001 viña exercendo como Subdirector para a Edición Xeral en Xerais, ocupándose principalmente da edición literaria. Entre 2006 e 2010, ocupou o cargo de vicepresidente da Asociación Galega de Editores e na actualidade pertence a súa Xunta Directiva. Tamén foi un dos membro fundadores da asociación Espazo Lectura en 2008.